Tres xeracións de ferreiros
O día da primeira comunión de Pepe do Lourín fotografáronse a carón da igrexa de Riotorto, coa Cruz dos Caídos de fondo, tres xeracións de ferreiros.
Empezando pola dereita aparece José Jardón Seco “O Lourín”. Foi ferreiro e agricultor, compartindo ambos oficios. A súa muller deixouno para emigrar á Arxentina. Volvería xa de anciá para morrer na casa petrucial.
O segundo pola dereita é José Cabo Villar, que faleceu recentemente, o 12 de agosto de 2011, á idade de 94 anos. Era natural de Soutelo (Ferreiravella) e tamén descendía dunha familia de ferreiros. Casou con Josefa Jardón Rodríguez (segunda pola esquerda), filla de José Jardón. José Cabo Villar, tamén coñecido como “O Lourín”, era un dos ferreiros de máis idade que quedaban no concello de Riotorto. Concretamente, era o segundo máis vello, despois de Benigno de Outeiro.
José Cabo e Josefa Jardón tiveron por fillos a María Ana, “Anita” (primeira pola esquerda) e José Mario, “Pepe” (no centro), quen continúa actualmente co oficio de ferreiro, agora coa marca Jomaca.
As Rodrigas, década de 1960