Por Xosé de Cora
(extracto pregón Feira do Ferro 2018)
Se cadra moitos dos presentes xa o saben porque o escoitaron dos pais dos seus pais, pero por se non é así, como eu non o sabía fun investigalo onde mellor puiden, neste caso, nos traballos que fixo Eduardo Lence Santar, un señor de Mondoñedo, como sabedes, que era moi amigo de meu pai e que sempre que ía a Lugo víanse para dar unha volta e logo xantar nos fornos unhas papatorias de moito fundamento.
A meu pai gustáballe pasear por Lugo con aquel home que tiña as barbas máis longas da provincia, máis cás de Valle-Inclán, e que frotaban ao vento como se deixase ao seu paso un ronsel de sabedoría.
Pois ben, Lence Santar veu a Riotorto moitas veces para apuntar, entre outras moitas cousas, que xantaban os ferreiros e logo, seguramente sentados nos Fornos, comentalo con don Puro, o director do periódico, ou sexa, meu pai.
Escoiten. Semella que é don Eduardo quen fala:
-Almorzan as oito boa cazola de sopas de manteiga de leite, de café con leite ou de bo caldo.
Non está mal. E que máis?
-Algúns, ademáis, comen unha tallada de queixo castelán e unha codia de pan.
_ Ás doce xantan unha cazola de caldo, feito con carne de cocho e unto, fabas, rabizas ou berzas; unha tallada de touciño, de lacón, de xamón, de soa ou de cachola, d´unha media libra galega. E ás veces, un chourizo, unha rebanda de pan branco, de máis dunha libra, queixo castelán ou galego e tres cazolas de bon viño, das de barro que levan ben neto e medio.
A cousa continúa:
_Pola tarde, a xunto da noite, meréndase tamén carne de cocho, pan branco e queixo, e bébese viño. E xa de notie pecha, dúas horas despois da merenda, céase caldo, carne, queixo, pan e viño, coma polo día.